Contos en lila é unha proposta chea de humor, emoción e reflexión sobre o mundo que queremos construír.
Desde as caixas máxicas dos contos xorden personaxes inesperados: carapuchiñas que non coñecen o seu propio relato, dragóns que semellan galos de curral, traballadoras en folga, princesas de pernas tortas e un neno chorón capaz de provocar auténticas revolucións.
Un espectáculo que xoga co público e coas cores lila, violeta e morado para falar, con retranca e tenrura, de igualdade, diversidade e cambios necesarios. Historias para rir, emocionarse e mirar a realidade con outros ollos, porque ás veces, para transformar o mundo, só fai falta comezar por contar un conto diferente.