"Pan de broa" é un espectáculo-obradoiro de contacontos musical inspirado na tradición oral. Nace das lembranzas, ditos, cancións e poemas compartidos polas familias ao longo de dez anos de encontros coa primeira infancia. O espectáculo recupera e reúne cantos e contos especialmente axeitados para peques e familias, presentándoos como pequenos petiscos divertidos e poéticos que alimentan a memoria, a tradición e a imaxinación. Petiscos que prestan como o mellor dos alimentos.
"Pan de broa" é unha sesión de narración oral, con obxectos e moita música en directo para familias con crianzas, onde recordamos que tanto os contos como o pan alimentan por igual.
Tradición oral e rock'n'roll para cantar en familia.
"Eu quero pan,
pa-ra-pa-pán
Eu quero pan de broa
pa-ra-pa-pán"